Dúbida da viabilidade económica do aparcadoiro debido á “escasa demanda” E Asegura que existe un desfasamento entre a previsión de novas vivendas e o crecemento negativo da poboación
Fusquenlla, o colectivo eumés que loita por un urbanismo sostible, critica o proxecto de construción dun aparcadoiro subterráneo no parque Sarmiento, “que suporá a recualificación das poucas zonas verdes a favor dun equipamento de carácter concesional de difícil viabilidade económica dada a escasa demanda”, segundo reflexa o colectivo nunha das alegacións presentadas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Pontedeume.
O rexistro municipal do Concello recolleu durante a mañá de onte as últimas alegacións ao PXOM, na que foi a xornada final de exposición pública do proxecto urbanístico. Desde o Concello non se avanzan polo momento cifras exactas sobre o número total de reclamacións presentadas, pero se advirten do considerable aumento rexistrado durante a última semana.
A plataforma entregou un total de dez reclamacións ao proxecto urbanístico. Nunha delas asegura que o proxecto non respecta os principios de uso racional dos recursos naturais e desenvolvemento sostible. Explica que o PXOM prevé un crecemento urbanístico superior ao 20% nos próximos dez anos (concretamente recolle 925 novas vivendas), o que, para Fusquenlla, non se axusta ás previsións de poboación reflectidas no documento, que para 2022 marcan o obxectivo de chegar a 9.505 habitantes (a pesar de que desde o ano 2000 a poboación de Pontedeume diminuíu de forma constante). O colectivo recorda que, tal e como se indica na memoria justificativa do plan xeral, a porcentaxe de vivendas baleiras supera ao 15% e un 17% do total de casas é de segunda residencia. Para Fusquenlla, estes datos reflicten que o novo proxecto de ordenación propón un “modelo continuista coas políticas expansivas anteriores”.
Outra das cuestións ás que a plataforma fai referencia nas súas alegacións é ao feito de que o proxecto urbanístico prevé novas edificacións a pesar de recoñecer que as redes de saneamento, subministración de auga e alumado público son deficientes, o que é contrario ao que recolle a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Ademais Fusquenlla destaca que o proxecto de ordenación municipal non cumpre cos niveis de calidade de vida e cohesión social esixidos por esa lei, xa que non respecta a proporción de espazos libres e zonas verdes. Fusquenlla explica que para un total de 1.155.357 metros cadrados edificables previstos, Pontedeume debería ter 173.304 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes vinculados aos núcleos de poboación, pero o PGOM só recolle 54.663 metros cadrados.
Tampouco se mostra de acordo coas cifras de equipamentos xerais. “Aparentemente preséntanse con excedentes pero en realidade son actualmente insuficientes as prazas de xeriátricos, garderías e de centros de día”, sinala a plataforma na súa reclamación, á vez que asegura que a localización do auditorio é “inadecuada”.
Noutra das reclamacións denuncia que o plan xeral incumpre as esixencias das normas de calidade urbana da lei de ordenación urbanística de Galicia, xa que non se regulan as alturas das edificacións en función do ancho das rúas.
Tamén fai fincapé a agrupación na escasa atención que se presta ao casco histórico, xa que unicamente indícase que en breve realizarase un Plan Especial de Rehabilitación, e na falta de protección de elementos do patrimonio cultural. La Opinión
Asemade parécelle esaxerada a zona de protección paisaxística que o PXOM contempla entre Arbosa e Ver. Omite dicir que é a única franxa declarada de protección paisaxística e que nela hai ducias de chalés cuxos propietarios regodeáronse do ordenamento urbanístico.
O termo fóra de ordenación está recollido na vixente Lei de Ordenación Urbanística e refírese a aqueles edificios que construídos nunha época determinada, anterior á aprobación dun plan de urbanismo, resultan desconformes coas novas ordenanazas que incorpora o devandito plan. Enténdese que estas vivendas foron construídas ao amparo dunha lexislación que posteriormente quedou obsoleta.
Isto é algo habitual cando se aproba a achaiadura urbanistica dun concello. Nalgúns casos créanse ordenanzas ad hoc para amparar este tipo de vivendas fóra de ordenación.
Outra cousa son as vivendas construídas á marxe da legalidade, aínda que conten coas preceptivas licenzas municipais. Sabido é que a concesión de licenzas non outorga estatus legal ás edificacións pois moi ben pode suceder que esas licenzas fosen concedidas vulnerando a lexislación vixente. En Pontedeume temos casos abondo de licenzas posteriormente anuladas polo xuíces.
Feita esta distinción, convén matizar unha nova que aparece no xornal La Opinión. Nela infórmase que 400 vivendas de Pontedeume quedarían fóra de ordenación unha vez aprobado o PXOM. A primeira corrección que compre facer é que as vivendas construídas ao amparo das normas subsidiarias do ano 1986 non quedan fóra da legalidade, tal e como se recolle na información, senón que quedarían fóra de ordenación.
Outra cousa son as edificacións construídas ilegalmente en zonas de protección costeira ou solo rústico. Os propietarios destas vivendas son os que interesadamente alertan da precaria situación na que se atoparían as construcións, equiparando as levantadas legalmente coas manifestamente ilegais. Asociados como un lobby que pretende legalizar os chalés construídos a carón do mar, terxivesan a información. Para iso nada mellor que unha voz “autorizada”, a do director da Escola Superior de Arquitectura de A Coruña. Pero o xornal non di que este arquitecto é un dos propietarios afectados e que posúe unha destas vivendas no lugar da Ínsua, vivenda que quedaría “no limbo urbanístico” como el mesmo afirma.
Xustificar as ilegalidades urbanísticas mediante a interpretación falseada das leis non parece propio de quen exerce a dirección dunha escola superior de arquitectura. O problema con que se atopan a maior parte destas construcións levantadas en Centroña, Boebre e Arbosa é que foron construídas sen respectar a legalidade vixente. Algunhas en zonas de protección costeira, outras sen adaptarse á licenza concedida e outras máis realizando segregacións en solo rústico.A Xunta de Galiza xa iniciou as oportunas investigacións, o que motivou que os promotres solicitasen a mediación do alcalde ante o máximo órgano de poder (ver máis información aquí)
“El proyecto urbanístico aprobado por el pleno de forma inicial a finales del pasado mes de noviembre califica terrenos costeros del municipio (concretamente en las parroquias de Boebre, Centroña y Nogueirosa) como suelo rústico, por lo que las construcciones realizadas allí sobre las normas subsidiarias de 1986, vigentes en la actualidad, quedarían fuera de la legalidad”.
Dende logo a explicación está bastante coxa e algo manipulada, o PXOM non vai deixar fora de ordenación todas esas vivendas, hai que distinguir dous casos claros, no caso de Nogueirosa ou Centroña si é certo, no primeiro a zona da iglesia según as normas actuais é un núcleo rural e non se entende o porque de eliminar dita clasificación, outra cousa son as vivendas que se autorizaron ilegalmente fora do núcleo, no que se denominaba xa zona de protección costeira e que iba ata a estrada a Ombre.
Pero o que se pretende destacar nesta nova como “sacrificado” son as vivendas autorizadas no rustico e rustico urbanizable, aquí a situación cambia radicalmente xa que as vivendas no rustico están fora de ordenación por lei dende polo menos a lei do solo de 1997 (diriamos mais axustadamente dende a lei do solo de 1956), agás as construidas para auténticas explotacións agrícolas que poden ser obxeto de reforma e ampliación. O mais chamativo é o denominado no artigo “rustico urbanizable”, categoría do solo que non existe, ao que se quere defender é a un conxunto de vivendas ás que se concederon licencias en solo que as Normas Subsidiarias clasificaban como urbanizables, e o concello de Pontedeume autorizou ilegalmente e con informe desfavorable da secretaria municipal (suposta prevaricación), a construcción de vivendas unifamiliais aisladas sin proceder á urbanización previa do total dos terreos, saltándose á torera as disposicións transitorias das sucesivas leis do solo de 1997 e 2002, onde contemplaba claramente que por non ter feito tal urbanización en plazos os terreos eran considerados automáticamente rústicos, polo tanto se prohibía tales construcciones.
O problema é que existen ilustres afectados que quedaron “pillados” en tales asuntos ao marxe da legalidade e agora que saiu mal a xogada parece que pretenden conseguir un “xogo revolto e voltamos a comezar”. Dende logo falar de sistemática aplicación neste terreos de solo urbano non consolidado é unha burla moi alonxada da lei.
Pero o mais curioso do artigo é que este non fala nada das mais de 400 vivendas que si quedan fora de ordenación no casco urbano, por un PXOM que sistemáticamente modificou as alineacións actuais retranqueandoas unha media de dous metros, cando a lei o que di é que no solo urbano a finalidade do PXOM será a de conservar o patrimonio construido, mais nunha vila como Pontedeume, non proxectar unha cidade alternativa á existente a gusto de políticos e redactores de PXOM.
Este é o gran problema do PXOM, un plan redactado para reproducir en Pontedeume un modelo de cidade totalmente alleo é fracasado, aumentando ainda mais as insufribles densidades actuais, sin dotar de servizos, aparcamentos públicos libres en superficie, zonas verdes é espazos libres suficientes para mellorar a calidade de vida que debía de ser a prioridade do urbanismo.
En fin xa veremos, ver mais en:
http://www.laopinioncoruna.es/metro/2010/02/28/plan-general-pontedeume-deja-400-viviendas-fuera-ordenacion/362456.html
O actual proxecto de PXOM aprobado inicialmente en novembro polo pleno municipal contempla os núcleos de Arbosa e Ver como urbanos consolidados, a mesma clasificación que o núcleo urbano de Pontedeume. Esta caracterización dos dous asentamentos levantados en plena voráxine urbanística non se corresponde coa relaidade e así o denunciamos dende estas páxinas. Da mesma opinión é a Consellaría de Política Territorial que no informe previo, emitido no ano 2007 a raíz do anterior planeamento urbanístico elaborado polo Concello, indicaba que estas zonas poderían ser incluídas, en parte, na categoria de solo urbano non consolidado:
Cómpre sinalar que tanto en Ver como en A Herbosa, as normas subsidiarias municipais aprobadas no ano 1986 (antes, por tanto, da lei de Costas de 1988) clasificaban ambas as dúas zonas como “solo urbanizable normal”, sen que conste que dende entón se teña aprobado e executado ningún instrumento de desenvolvemento nesas áreas, polo que non se atopa xustificada a súa inclusión como solo urbano. En todo caso Ver e A Herbosa poderían, en parte, clasificarse como solo urbano non consolidado,
O curioso e rechamante é que a mesma Consultora Galega no informe de avaliación ambiental estratéxica redactado no mesmo ano 2007 declaraba os lugares de Ver e Arbosa como núcleos rurais. O por que en dous anos estes núcleos, antes rurais, pasan a a ser considerados polo PXOM como urbanos consolidados é un misterio que só os autores do planeamento e responsables municipais poden explicar. Algo que terán moi difícil se nos atemos aos informe da Xunta de Galiza. En todo caso, unha máis das moitas incongruencias deste plan.
(Foto do blog http://unibersoparalelo.blogspot.com/)

