1.0
O ollo da mómara. O primeiro agregador rss da Eumesfera.
Arquivo de "Colectivo Fusquenlla"
16-06-2009 / 10:02
Colectivo Fusquenlla
O alcalde reuníuse co secretario xeral de la Consellería de Educación para buscar unha solución ao uso do campo de deportes do IES Fraga do Eume como aparcadoiro.
Tanto o rexedor como a autoridade educativa pretenden asinar un acordo xunto co Consello Escolar do centro que permita usar o devandito campo. O Consello Escolar, no que participan profesores, alumnos e asociacións de pais e nais, xa se amosaron contrarios ao uso que o Concello quere dar a este espazo. Primeiro foi o Claustro de profesores quen se opuxo baixo o argumento de que os rapaces se verían privados de usar este terreo para actividades deportivas e polo previsíbel deterioramento do mesmo. Posteriormente o Consello Escolar rexeitou a cesión do campo. Hoxe mesmo a ANPA do centro vaise reunir para dar conta da súa oposición contraria ao aparcadoiro.
Dende Fusquenlla enviamos ao Conselleiro de Educación un escrito no que solicitabamos non fose cedido este terreo para uso distinto para o que foi habilitado. Lembramos que no ano 2001 a Consellaría de Educación, cun informe xurídico nas mans, non permitíu o uso da parcela como aparcadoiro. A razón era que ese terreo lle fora cedido por Portos de Galiza para acondicionar como instalación deportiva do instituto. Un uso distinto do que se estipulaba na concesión significaría perder o usufructo dos terreos.
Quizais sexa esta a finalidade que busca o Concello. Que a parcela non pertenza a Educación significaría ter as mans libres para adicala a outras actividades como xa anunciou o alcalde en diversas entrevistas públicas, mesmo un aparcadoiro subterráneo. Literalmente anunciabase que o primeiro edil de Pontedeume tratará de negociar a cesión do campo de fútbol do instituto, para convertelo en propiedade municipal, no caso de que a Consellería de Educación lle retire a autorización para o uso como parking durante o verán. Intencións estas que cobran peso pola negativa do Concello a usar como aparcadoiro a superficie cementada dos dous institutos.
Máis información en La opinión
/ 00:21
Colectivo Fusquenlla
Seguro que Georgie Dann non pensou en ningún dos chiringuitos da praia de Cabanas cando escribiu a súa famosa canción. El inspirouse máis ben nos locais que se dedican a cociñar chourizos “parrilleiros”, sardiñas, e outras exquisiteces de verán. Non se lle ocorreu pensar en chiringuitos de chocolate con churros e polbo a feira. Pero no areal da Magdalena estas posibilidades estaban no menú dalgún dos locais. Agora menos, porque ademais de que xa non existen varios deles, a paella estase convertendo no prato estrela.
O caso desta praia, unha contorna peculiar polo piñeiral que a protexe, é “excepcional”, segundo a Demarcación de Costas de Galicia. E é que o máis antigo da decena de chiringuitos que marcaban o límite entre a area e as árbores data de 1922 e o último foi construído en 1965. Faltaba aínda moito para a elaboración da Lei de Costas cando os turistas, e sobre todo a xente o concello e do veciño municipio de Pontedeume, xa gozaba destas terrazas.
Agora, o deslinde litoral realizado tras a nova normativa determina que haberá que levar estes locais a detrás das árbores, onde se inicia a zona urbanizada. Con todo, dáse o caso curioso de que na mesma liña dos chiringuitos hai unha decena de chalés non afectados polo deslinde. Segundo Costas estas casas quedan “fóra do dominio público marítimo-terrestre”.
Non así os restaurantes e as súas terrazas que terán que ser demolidos para trasladarse varios metros máis atrás, lonxe da area e das vistas ao mar.
O Concello de Cabanas actúa de mediador destes locais con Demarcación de Costas, con quen o seu alcalde, Germán Castrillón, asegura que hai “moi boa relación”. Explica que “non hai ningunha polémica” respecto diso, e que se está ultimado un plan para que os chiringuitos se sitúen “máis atrás”.
O que sucede é que nesta nova planificación, que aínda está por ultimar, só hai proxecto para tres locais, fronte á media ducia que existe actualmente no límite do areal e o piñeiral.
Á mesma altura, está ademais o Club Marítimo A Penela, que tampouco quedará afectado pola nova ordenación establecida en función da Lei de Costas de 1988.
Tamén pode verse na mesma liña da praia o inicio da obra, en cemento, do que será o novo posto de socorrismo. Á beira aínda pode contemplarse o solar abandonado da Lareira D’Antón, un local moi coñecido que ardeu en marzo de 2008. Xornal.com
13-06-2009 / 09:07
Colectivo Fusquenlla
No xornal La Opinión de hoxe Gabriel Torrente afirma que tratará de negociar a cesión do campo de fútbol do instituto para convertelo en propiedade municipal no caso de que a Consellería de Educación lle retire a autorización para o uso como parking durante o verán. O próximo luns terá unha entrevista cos responsables deste departamento para debatir o uso que se lle dará a este campo escolar.
Hai que lamentar que a Consellaría de Educación non tivese a xentileza de recabar da comunidade escolar o seu parecer sobre este problema e que estea aberta a escoitar as peticións do rexedor municipal. Tanto o Claustro de profesores como o Consello Escolar se pronunciaron en contra desta cesión que vulnera os dereitos da xuventude a disfrutar de zonas de lecer e deportivas.
Se a propiedade desta parcela pasa a ser do Concello, este podería darlle o uso que estimase máis conveniente, sen desbotar a idea dun aparcadoiro subterráneo. Dende Fusquenlla defendimos sempre a necesidade de planificar con racionalidade o uso dos espazos públicos e que isto só se conseguiría mediante a aprobación do PXOM, un documento que segue a estar secuestrado polo Concello de Pontedeume. Pero en ningún caso debe privarse aos centros escolares dos servizos imprescindibles para o seu correcto funcionamento. A intención de privar ao IES Fraga do Eume do seu campo de deportes e ao Couceiro Freixomil de parte do seu patio para ensanchar a ruela da Galera, amosa o escaso interese do Concello polos asuntos relacionados co ensino.
12-06-2009 / 13:57
Colectivo Fusquenlla
Asociacións veciñais, comerciantes e hostaleiros locais móstranse a favor de habilitar o terreo anexo ao Fraga do Eume como lugar de aparcadoiro durante o verán, en contra do que opinan o consello escolar, o claustro de profesores e o colectivo Fusquenlla
O conflito xurdido en Pontedeume a raíz do anuncio do Concello sobre a autorización da Xunta para habilitar un aparcadoiro no campo de fútbol do instituto Fraga do Eume ten un novo protagonista: o tecido asociativo da vila.
Logo de pronunciarse o colectivo eumés Fusquenlla, o claustro de profesores e o consello escolar do centro en contra desta iniciativa, asociacións de veciños e outros colectivos locais esixen que esta parcela habilítese como parking durante os tres meses de vacacións escolares.
Os primeiros rexeitan a proposta municipal por considerar que prexudica á mocidade da localidade, xa que, segundo explican, “perdería un espazo de lecer durante a época estival”, ademais de ter “serias dúbidas” de que a Administración local restablecese o terreo de xogo ás súas condicións iniciais.
A Asociación de Vecinos A Vila; Unidade Veciñal Olmo; os colectivos veciñais das parroquias de Boebre, Centroña, Nogueirosa e Ombre; Eumeturismo; TurEume e a Unión de Comerciantes e Autonómos Eumeses apoian a medida tomada por parte da Consellería de Educación e o Concello de Pontedeume de habilitar temporalmente o terreo deportivo do centro escolar para uso público como zona de aparcadoiro gratuíta.
Nun comunicado, veciños, hostaleiros e comerciantes consideran unha “necesidade” para a vila aumentar o número de prazas de aparcadoiro en 200 durante a época de verán, cando o instituto permanece pechado por vacacións e a poboación de Pontedeume triplícase.
Fan fincapé en que esta necesidade agudízase este ano, debido a que 80 prazas de aparcadoiro quedarán inutilizadas polas obras que levan a cabo no porto. Estes colectivos apostan por chegar a un “entendemento amigable” para tratar de solucionar este conflito e sinalan que non comprenden a negativa do consello escolar a esta iniciativa que, aseguran, “favorecerá ao pobo, xerará riqueza e axudará ao desenvolvemento da vila”.
Agora a pelota está no tellado da Xunta, que pode reafirmar o seu permiso ao Concello que rexe Gabriel Torrente ou retirarllo. Segundo manifestou a Consellería de Educación, en “termos xerais” respéctanse as decisións dos consellos escolares pero, polo momento, aínda non se pronunciou sobre o caso concreto do IES Fraga do Eume.
No caso de que a Xunta reitere a súa autorización para habilitar o lugar como aparcadoiro, estará contradicindo un informe emitido polos seus servizos xurídicos no ano 2001, no que reflectía que estes terreos foron cedidos á Consellería de Educación para uso exclusivo do centro escolar, co obxectivo de dotarlle dun espazo no que desenvolver actividades deportivas.
Este documento do Goberno galego especificaba tamén que calquera outro fin vulneraría as condicións pactadas para as que o terreo foi cedido. La Opinión
11-06-2009 / 09:15
Colectivo Fusquenlla
A Consellaría de Educación soslaiou os informes xurídicos ao permitir o uso do recinto escolar como aparcadoiro
O pleno do Concello celebrado o 30 de outubro do 2008 aprobou por unanimidade solicitar á Consellaría de Educación o campo de deportes do IES fraga do Eume para usalo como aparcadoiro de automóbiles durante as vacacións estivais. Esta petición non era nova pois xa no ano 2001 tramitouse outra semellante ante os responsables de educación.
Hai uns días a Xefatura Territorial de Educación concedeu permiso para que os terreos do campo de deportes foran utilizados para os fins solicitados polo Concello. Esta autorización da autoridade educativa tomouse sen contar co parecer da comunidade educativa: claustro de profesores e consello escolar.
Esta decisión dos responsabeis de educación amais de reprobable é contradictoria coa doctrina que din soster. Reprobable por non consultar cos afectados, por antepoñer os intereses dos automobilistas aos dereitos do alumnado, por eliminar un espazo verde apto para o deporte e por usurpar á xuventude eumesa un espazo de encontro e lecer. Contradictorio por canto a mesma Consellaría publicitou ata a saciedade que os centros escolares ían permanecer abertos á sociedade para desenvolver neles cantas actividades culturais fosen precisas. Lonxe disto, inutiliza durante varios meses un recinto escolar impedindo a práctica deportiva en beneficio dos automobilistas.
Mais na actitude da ceder o campo para aparcadoiro habería unha grave irresponsabilidade. Cando no ano 2001 o Concello solicitou o cambio de uso do campo de deportes, o delegado provincial da Consellaría negouse a conceder o permiso, desaconsellando a utilización das instalacións deportivas para usos distintos dos estritamente académicos. A razón, avalada polos servizos xurídicos da Xunta de Galiza, era que eses terreos foran cedidos á Consellaría de Educación para uso exclusivo do instituto co fin de dotar a este dun espazo no que desenvolver as actividaes deportivas. Calquera outro fin vulneraría as condicións pactadas para as que foi cedido.
O que antes era un problema xurídico de seren agora obviado pola Consellaría podería traer como consecuencia que o instituto perda o usufruto do campo de deportes. Por esta razón Fusquenlla decidíu solicitar ao Conselleiro de Educación que se proceda a anular o permiso concedido e se impida o uso dos terreos para outros fins que non sexan os meramente deportivos ou académicos. Petición que se ampliou asemade ao Concello de Pontedeume.
Máis información en La Opinión
10-06-2009 / 07:50
Colectivo Fusquenlla
O alcalde de Pontedeume explica que recibiu ordes de Educación de independizar o aparcadoiro das instalacións do centro
A Dirección do instituto Fraga do Eume rexeita o parking que se instalará, durante os meses de verán, no campo de fútbol anexo e expón como alternativa permitir o aparcadoiro no espazo pavimentado do interior do centro. O alcalde, Gabriel Torrente, asegura que esta opción non é posible posto que desde a Xunta recibiu a orde de “independizar a zona de aparcadoiro das instalacións do instituto”.
Esta é a decisión que tomou o consello escolar nunha reunión mantida o luns pola tarde, convocada tras o anuncio por parte do Concello da autorización da Consellería de Educación de destinar o terreo deportivo a zona de estacionamento de vehículos durante a época estival, dando luz verde así a unha reiterada petición por parte da Administración eumesa.
O consello escolar e o claustro de profesorado do instituto de ensino secundario Fraga do Eume coinciden en rexeitar esta iniciativa do Concello por considerar que prexudica aos nenos e mozos da localidade, que se verán privados de facer uso deste espazo deportivo durante as vacacións estivais.
Outra das cuestións que argumentan para estar en contra de habilitar o terreo de xogo como parking son “dúbidas fundadas” de que as instalacións estean en condicións óptimas cando comece o curso 2009-2010, polo que instan á Xunta a que estude “outras alternativas” como utilizar o espazo pavimentado do interior do centro “baixo vixilancia” durante os meses de verán.
Tamén propón que se chegue a un acordo máis amplo no que se contemple a utilización das instalacións do instituto eumés con fins deportivos durante o período estival.
O alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, asegura, en contra do denunciado polo colectivo Fusquenlla, que si contaba co beneplácito da dirección do instituto. “Levamos dous anos de negociacións; agora cambia de idea e proponnos como aparcadoiro a zona pavimentada do centro escolar”.
Segundo as palabras do rexedor, esta non é unha “alternativa válida” xa que o popular asegura que a Consellería de Educación ordenou ao Goberno local “independizar o lugar de aparcadoiro das instalacións do instituto”.
O rexedor critica este rexeitamento por parte da dirección do centro, xa que, afirma, “chegouse a un acordo no ano 2001 para ceder este terreo durante o verán para que puidesen aparcar os coches e agora cambia de opinión”. Advirte de que, desde o Goberno local, pelexarán por instalar o parking no campo de fútbol, actuación que paliará os problemas de aparcadoiro da vila.
La Opinión
Última hora: La Voz de galicia
O Concello estimaba poder estrear como aparcadoiro o campo en dez días, e manter ese novo uso ata setembro, aproveitando as vacacións lectivas. Con todo, agora terá que buscar unha alternativa. Porque aínda que Educación dera inicialmente a súa visto e prace, fontes oficiais da Consellería apuntaron onte que fose do horario escolar os centros teñen autonomía para dispor das instalacións. Ademais, aínda que a decisión do consello escolar non é estritamente vinculante, «a Xunta non se vai a opor ao que decida a comunidade escolar», aseguraron desde o departamento.
09-06-2009 / 07:58
Colectivo Fusquenlla
Critica a Educación por autorizar o uso do campo do Fraga do Eume como ‘parking’
O colectivo eumés Fusquenlla critica a decisión da Consellería de Educación de dar permiso ao Concello de Pontedeume para que utilice, durante os meses de verán, o campo de fútbol do instituto Fraga do Eume como aparcadoiro. “Antepor o uso dos coches ás prácticas deportivas da mocidade soamente pode ser apoiado por mentes descerebradas” manifesta a asociación, que lamenta que o Concello restrinxa os lugares de lecer da mocidade da localidade.
Fusquenlla considera que esta idea merece o rexeitamento da comunidade educativa por ceder un espazo de uso escolar para aparcar vehículos durante o verán, “período que se estendería probablemente a calquera época vacacional”. Explica que a Xunta estaba pendente da decisión que tomase o consello escolar do centro antes de aprobar ou denegar o uso do campo como parking e, a pesar de que o consello aínda non se manifestou en ningún sentido, (o órgano escolar reuniuse na tarde de onte para estudar a iniciativa do Concello), a Consellería de Educación autorizou o seu uso como aparcadoiro.
O claustro de profesores do instituto rexeitou a decisisón por parte da Consellería de ceder o terreo ao Concello para o seu uso como aparcadoiro, nunha reunión celebrada antes do consello escolar.
Para a plataforma é contraditorio que Educación promulgue a obrigatoriedade de que os centros escolares permanezan abertos durante a época estival, para que a comunidade educativa poida gozar das súas instalacións e realizar actividades deportivas e culturais, con que agora permita o seu uso como lugar de aparcadoiro.
Fusquenlla sinala que o campo de fútbol anexo ao instituto Fraga do Eume “sempre” foi un centro de reunión para centos de nenos que accedían a el fora do horario escolar para xogar e apunta que este terreo é “un dos escasos lugares que lle queda á mocidade eumesa, que foi vendo como pouco a pouco íaselle privando de espazos onde poder xogar e relacionarse cos seus amigos”.
Outro dos inconvenientes que o colectivo ve nesta iniciativa do Concello que rexe o alcalde do partido Popular, Gabriel Torrente, é o deterioramento que suporía para o campo de fútbol o seu uso como aparcadoiro, “o que o imposibilitaría para as actividades deportivas” e acusan ao Goberno local de non comprometerse a restituír o terreo ás súas condicións iniciais, cando finalice o verán. “A herba será arrasada polo barro, aceites e combustibles que invadirán este espazo verde” advirte.
Foto: Víctor Echave
La Opinión
07-06-2009 / 11:33
Colectivo Fusquenlla
De novo o alcalde Pontedeume informa (La Opinión) da autorización que a Consellaría de Educación outorga para facer uso do campo de fútbol dun instituto como aparcadoiro para coches. Esta vella idea merece o rexeitamento da comunidade educativa por ceder un espazo de uso escolar para aparcar vehículos durante o verán, período que se extendería robablemente á calquera época vacacional.
Hai varios meses a Consellaría de Educación estaba pendente da decisión que tomase o Consello Escolar do centro antes de aprobar ou denegar o uso do campo como aparcadoiro. O certo é que o Consello Escolar aínda non se manifestou en ningún sentido e vai celebrar en próximas datas unha reunión para estudar o ofrecemento do Concello de Pontedeume. Así que esta nova ofrecida agora polo alcalde ou é prematura ou significa un cambio de actitude por parte da Consellaría que decidiría pasar das decisións vinculantes da comunidade representada no consello Escolar
Antepoñer o uso dos coches ás prácticas deportivas da xuventude eumesa só pode ser apoiado por mentes descerebradas para as que o deus automóbil segue sendo o centro de atención da actividade diaria. Se xa foi unha barbaridade permitir o uso da Alameda para estacionar vehículos esta nova medida, de ser certa, demostraría a pouca atención que os políticos prestan ao lecer dos cidadáns e ao medio ambiente.
Contradictoriamente a Consellaría de Educación promulgou a obrigatoriedade de que os centros escolares permanecezan abertos durante a época estival para que a comunidade educativa poida disfrutar das súas instalacións realizando actividades deportivas ou culturais. O campo de fútbol citado sempre foi un centro de reunión para centos de rapaces que accedían a el fóra do horario escolar para disfrutar do xogo. Un dos escasos lugares que lle queda á xuventude eumesa que foi vendo como pouco a pouco se lle ía privando de espazos para deleitarse cos xogos e aprender a relacionarse socialmente.
O uso do campo como aparcadoiro implicaría ademais un deterioramento do mesmo que o imposibilitaría para actividades deportivas. Non abondan as promesas de restituír o terreo ás condicións iniciais cando a herba é arrasada e os lodos, aceites e combustibles invaden un espazo verde. Todo o contrario do que as administracións deberían fomentar: o uso racional dos vehículos e o repecto polos parques e instalacións deportivas.
04-06-2009 / 22:14
Colectivo Fusquenlla

O alcalde de Pontedeume afirma que o PXOM chegará ao Concello nos próximos días. Esta sería unha boa noticia se non fose a enésima vez que se anuncia tal acontecimento. E por repetirse que non quede: de novo terá que ser a Secretaria e o Interventor quen dean o visto bo para incluír o informe no pleno ordinario deste mes. Lembramos que xa no pasado decembro o documento do PXOM estaba en mans da Secretaria para que esta emitise un informe antes da aprobación inicial do mesmo. Escuras razóns fixeron que o proxecto volvese ás oficinas de Consultora Galega para aplicarlle unhas cantas correcións. E agora volta a empezar.
A utilización dos técnicos e funcionarios do Concello como excusa para non presentar o plan de urbanismo merece a total reprobación do equipo de goberno. A demora na presentación do PXOM constitúe unha infracción que o Valedor do Pobo está estudando a raíz dunha denuncia presentada polo colectivo Fusquenlla. As causas dese atraso hai que buscalas na reelaboración do documento para favorecer operacións especulativas de determinados promotores da comarca. É precisamente este favoritismo, práctica habitual en concellos imputados en delitos de corrupción, o que fai máis censurábel aínda o labor do goberno local.
O alcalde, no mesmo comunicado, amósase disposto a someterse a unha moción de confianza se o PXOM non é aprobado. Tiña que saber o Sr. Torrente que unha forma de evitar isto pasaría por recoller no documento inicial todas ás ditrectrices que a Xunta marcou para adaptalo á lei do solo. Claro que neste suposto os investidores urbanísticos sairían prexudicados.
Queda por aclarar como o alcalde vai convencer aos grupos da oposición para aprobar un planeamento que dista moito da racionalidade que emanaba do Documento de Referencia enviado pola Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel. Para a consellaría non era de recibo convertir a Pontedeume nun inmenso chan residencial nin urbanizar zonas declaradas de protección especial.
03-06-2009 / 16:43
Colectivo Fusquenlla
Qué mellor cun parque público para deixar o coche, máxime nestes días de calor, baixo a sombra protectora dos plátanos? E qué me decides da instalación de terrazas nas beirarrúas, espazos xa de por sí ateigados polo estacionamento dos vehículos en posicións inverosímiles?
Istas semellan ser a imaxinativas propostas deste agónico goberno, que nun esforzo sen parangón para resolver o irresoluble problema do aparcamento e ofrecer solucións ao empresariado local desta vila turística, non se lle ocurre mellor resposta que a privatización do espazo público.
E son precisamente os escasos lugares de esparcemento, de paseo e xogo, os escollidos para esta apropiación ilegal dos nosos espazos. Solucións que non por imaxinativas deixan de ser paradóxicas nunha vila turística que ve os lugares máis salientables do seu casco histórico invadidos polos vehículos e as terrazas, nunha imaxe lamentábel cara os visitantes.
Imaxinación ao poder e ao verde que lle den!