Eumesfera
1.0
O ollo da mómara. O primeiro agregador rss da Eumesfera.

Arquivo de "BNG Pontedeume"

06-12-2008 / 16:36
BNG Pontedeume

A desgraza de Pontedeume

O PP de Galiza anda a criticar a miúdo que o Goberno da Xunta deixa de investir algunhas partidas consignadas nos Orzamentos. Os dirixentes do PP deberían saber que os seus correlixionarios de partido no Goberno municipal de Pontedeume están a axudar con afán desmedido neste labor que eles tanto critican. Desde que accederon ao poder, hai un ano e medio, decidiron pór o freo de man a todos os investimentos importantes que a Xunta de Galiza tiña comprometidos co anterior Goberno de Pontedeume.

Entre os máis avanzados, cómpre salientarmos a remodelación do Peirao (2.7 millóns de euros), ao que o PP se opuxo pedindo un recheo inviábel de 9.000 metros cadrados. Equipamentos sociais como o Centro de Día (renunciouse a dúas anualidades por importe de 800.000 €) e a Galescola (arredor de 600.000 €), para os que se segue a buscar terreos e, probabelmente terán que agardar á aprobación do PXOM. Mesmo a renuncia ás axudas para o Club de Piragüísmo: 150.000 € do 2007, 230.000 € do 2008 da Consellería de Cultura e Deportes e máis 90.000 € da Deputación provincial. Habería que engadir aínda a demora inxustificada do inicio da remodelación do Mercado Municipal, para o que volve a encargarse a redacción doutro Anteproxecto, que xa está feito.

Vendo tales feitos non sabemos xa se se trata de incompetencia ou de actuacións pérfidas e aleivosas.Sexa como for, o que non se pode permitir, cos tempos que corren, é ter paralizados máis de 5 millóns de euros en investimentos, o que supón máis da metade do importe do Orzamento municipal. Din desde o Goberno do PP que aspiran a superar os 10.000 habitantes censados. Malamente con esta política de non xestionar o que verdadeiramente interesa, poñendo trabas ás obras, equipamentos sociais e en suma aos servizos avanzados que van redundar na calidade de vida.
30-11-2008 / 21:14
BNG Pontedeume

Preguntas presentadas polo BNG para a súa contestación no Pleno de novembro


PRIMEIRA
Tendo en conta que rematou a tempada de colocación de terrazas e que o Concello, a raiz dunha sentencia de hai case dous anos, ten indicacións que aconsellan redactar unha ordenanza que regule este asunto, ao noso Grupo interésalle saber se se pensa levar a cabo?
SEGUNDA
A respecto dos traballos de demolición na praia de Ver e, na liña dunha anterior pregunta formulada aquí mesmo polo BNG, fíxose algunha xestión desde o equipo de goberno para coñecer que tipo de ordenación se pensa levar na zona, aportar suxerencias ao respecto e manter informada á Corporación municipal?
TERCEIRA
Os Grupo políticos municipais tiveron a comezos de outubro do presente ano unha pequena presentación dos traballos do PXOM, a cargo dun técnico da Consultora Galega. Naquela reunión estableceuse un calendario aproximado no que figuraba como data de entrada por Rexistro no Concello a finais dese mesmo mes, creándose unhas espectativas ao respecto. Non sabemos se os traballos están rematados ou non.
Mais, toda vez que non se cumpriron os prazos fixados para a consulta do PXOM, previa á elevación a Pleno, interesa saber se se conta con algunha novidade e previsión ao respecto e se vai ser máis atinada que as anteriores?
CUARTA
O Convenio para a elaboración das Bases da Oferta Pública de Emprego está cada día máis claro que non foi modelo de transparencia informativa nin ningún modelo de aforro. A través dun rogo do mes de setembro pedimos información clara, concisa e concreta e non evasivas. Hoxe, malia non facilitársenos as condicións do mencionado convenio, podemos saber, por medio de datos que son de dominio público, que se achegou aos 17.000 € , que non foi feito nas áreas de Dereito Público, como debera ser, senón pola área de organización de empresas e comercialización da Facultade de Administración e dirección de empresas de Lugo. Tamén podemos comprobar que a persoa responsable do traballo non é ningún especialista en organización dunha administración pública. Dada a celeridade da entrega do traballo con relación a sinatura do convenio dubidamos da envergadura do traballo (sen parangón coa RPT, desde logo!) e do valor arriba citado. Tamén, postos a dubidar, dubidamos de que a nosa Administración non dispoña dos medios axeitados para desenvolver esta tarefa, tal e como rezan as cláusulas dos modelos de convenio coa USC. Insistimos en que o goberno faga as oportunas matizacións o antes posibel, dea a coñecer este traballo, a letra do Convenio, así como se se pagaron os importes das supostas facturas.
QUINTA
As actividades para a mocidade non se incrementan nin melloran, segundo todos os indicios. Interesa saber ao BNG se se vai facer un esforzo por pór en marcha o programa de lecer Planet Club, polo menos desde o mes de Nadal, cando os mozos/as teñen máis tempo libre.
SEXTA
Cal é a día de hoxe a situación da concesión á empresa GALILANDIA, que segue a prestar os servizos de limpeza, portería, etc. no Centro municipal de maiores e no Pavillón deportivo da Casqueira? Cando ten ou tiña que ter saído a concurso público?
SÉTIMA
Unha vez que o Goberno municipal pasou a crise e realizou o traspaso da responsabilidade de Ensino ao concelleiro de Servizos e Obras, transcorrido tamén un tempo razoábel, interesa saber se se convocou ou se vai convocar o Consello Escolar Municipal no primeiro trimestre.
Pontedeume, 25 de novembro de 2008
/ 21:07
BNG Pontedeume

Rogos do Pleno de novembro

1. Insistimos co noso rogo de que cando se organice algún acto institucional se curse a correspondente invitación desde o Concello a Grupos e entidades sociais. Con máis motivo cando se trata dunha visita ou dun acto no que participa un cargo da Xunta de Galiza ou doutra Administración. Sucedeu xa varias veces, pero volveuse a repetir o pasado 17 deste mes, no acto da Directora Xeral de Promoción da Calidade da Vivenda, Dna. Encarna Otero. Resultado dabondo pobre para un acto de grande interese: 15 ou 16 persoas (4 do BNG, 4 do PP, algúns que outros arquitectos, e pouco máis), nin cartel anunciando nin nota de prensa...

2. Coñecemos a saturación de traballo que hai en Secretaría e tratamos de colaborar na medida das nosas posibilidades. Pero cremos necesario pedir que os Decretos de Alcaldía se poidan consultar cinco días antes do Pleno, como mínimo, para non entorpecer o noso labor.

3. O Concello ten feito concesión á empresa Galilandia do Centro Municipal de Maiores e do Pavillón da Casqueira, no que respecta á limpeza, conserxería, etc. O Concello, mentras tanto, non se desentende destas instalacións nin de vixilar a calidade dos servizos que se presta nelas. Os principios que rexen para todos os cidadáns e para a administración local deben ser respectados tamén desde a empresa, que nunca debe servir para practicar o nepotismo, para empregar a familiares e membros do partido. Iso nunca! Había satisfacción co traballo da persoa (muller e con familia) que estaba no Pavillón. Foi despedida arbitrariamente, con escusas de mal pagador; logo sabemos que é para “enchufar” a unha sobriña do concelleiro de Servizos, que xa cubrira o posto temporalmente nas vacacións. Os métodos de presión á empresa son deplorables, o desprezo que se ten polas familias é lamentable, a ética e os principios brillan pola súa ausencia. Esa é a forma de entender o poder; esa é a súa Lei!?

4. Pregamos que se limpen as beirarrúas da avda da Coruña.

5. No tellado dos Almacéns de Raxoi hai lixo por todas as partes e mesmo rodas (!).

6. Que se limpe a Fonte de xunto a parada de buses, onde hai auga estancada en estado de putrefacción, lixo dentro,...

7. Denunciamos a situación das fontes do Paseo Marítimo, que non botan auga e pedimos que se repoña.

8. Aínda que aprobamos xa hai un mes unha moción sobre a Estación de tren, nin se fixo unha mínima limpeza de de maleza e follas acumuladas, cousas que si pode acometer perfectamente o Concello. É un abandono absoluto!

9. Se se está a tempo, rogamos que se rectifiquen os proxectos para levar a electricidade ao Castelo e Breamo, facéndoos soterrados.

10. A falta de protocolo, ás veces raia o absurdo nos actos que organiza o Concello. Sen ir máis lonxe, o outro día nos actos do 25 de novembro, nos que intervén de derradeira unha Sra. de fóra do Concello – moi coñecida na casa do PP-, non o Alcalde (presente) e que, ademais “declara inaugurada a Exposición”, por certo e en plan monopolizador.

11. Rogamos que non fagan tanto o ridículo; Vdes. fixeron retroceder o uso do galego ás catacumbas, e ademais teñen un sustrato e un acento que os delata, tanto se pechan como se abren na pronuncia. Este é o respecto que teñen pola LNL e pola Ordenanza municipal; ao mellor é que hai leis de 1ª e leis de 2ª. Leis para pasarse polo forro.

12. Dada a situación de inseguridade que se xera, debido ás noticias de roubos en lugares próximos, pedimos que se constitúa ou que se poña a funcionar a Xunta Local de Seguridade.

13. Pregamos que no PEIM de Medio Rural, se teñan en conta as obras do POS que non puideron incluírse este ano e outras tamén necesarias como as dos camiños da Regueira en Andrade.

14. O Goberno inhibiuse completamente no problema das pintadas no Torreón. Non considerou preciso atallar o asunto a tempo. Agora podemos ver como aumentaron na fachada leste e como está completamente chea tamén a fachada norte de pintadas con sprai: corazóns, proclamas amorosas e doutros tipos.

15. No proxecto Modificado do Gas, pedimos que se axude na medida do posible aos veciños que se consideran afectados e precisan información para presentaren alegacións

11-11-2008 / 23:52
BNG Pontedeume

Charla sobre o Sistema Galego de Benestar

O BNG de Pontedeume organiza unha charla informativa sobre o Sistema Galego de Benestar. A charla contará coa participación de Tareixa Novo, Delegada Provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, e será o vindeiro Martes, 18 novembro, ás 20 horas no Centro Municipal de Maiores de Pontedeume.

Dende o BNG vos convidamos a participar neste acto que estamos seguros será de gran interese.
04-11-2008 / 20:18
BNG Pontedeume

Medidas de apoio ao transporte colectivo

Este é o texto da moción debatida no Pleno do 30 de outubro e aprobada por unanimidade:

A situación que presenta a Estación de ferrocarril de Pontedeume, convertida nun sinxelo apeadoiro, é de abandono flagrante, debido ás propias decisións de RENFE –que acabou pechándoa- , ao uso abusivo e case exclusivo do transporte individual, obrigado a miúdo por unha mala planificación dos horarios de tren e ao escaso interese que ten mostrado o Concello por manter a zona integrada e mesmo adecentada. O tramo de rúa que discorre en paralelo ás instalacións da Estación, ao final da Avenida de Ferrol, e que dá acceso ao aparcadoiro desta, está cuberto de maleza e ramallada, que a cobre totalmente e a converte nun lugar marxinal, mesmo sinistro. As cunetas volvéronse lameiras e depósitos de lixo de todo tipo; a ambas as marxes hai anacos de entullo, bases de farolas, etc. Unido todo isto á desaparición das tres farolas que iluminaban este tramo de avenida e que se fan moi necesarias, alén das que existen na propia plataforma do apeadoiro.

Por outro lado, RENFE debe esforzarse por adaptar os horarios ás demandas dos potenciais usuarios, neste caso mozos/as estudantes e traballadores, que se desprazan a diario aos centros de ensino e traballo de Ferrol e a Coruña. Está demostrado que moitas persoas, que inicialmente se interesan por este tipo de transporte, acaban desistindo debido a pequenos desfases horarios, facilmente subsanables. É o caso de grupos de estudantes de Pontedeume, matriculados en Centros de ensino de Ferrol (Ciclos Formativos do Politécnico, do Sofía Casanova ou do Concepción Arenal; Bacharelato de Artes deste último, etc.), que teñen a entrada nestes Centros ás 8.30 horas e o tren A Coruña-Ferrol chega ás 8.35 h. Cun pequeno adianto de 10-15 minutos sería suficiente para poder seguir utilizando un tipo de transporte seguro, cómodo e asequible economicamente.

Desde o BNG cremos que é o momento de sumarnos ou esixir medidas e plans que subsanen estas carencias e melloren ou fagan atractivo o transporte público, sobre todo o ferroviario, agora que se está a falar tamén da creación dun servizo de cercanías e da creación dun ente xestor ferroviario galego, así como da mellora do trazado, que vai repercutir no tan necesario acurtamento do tempo dos traxectos. O transporte por estradas está cada vez máis conxestionado e Pontedeume sofre o problema a diario, co agravante de que comezamos unha travesía de crise económica e coa incertidume sempre do incremento dos combustíbeis, como pasou recentemente.

Son estas, entre outras, as razóns que moven ao Grupo municipal do BNG no Concello de Pontedeume a solicitar que se someta a debate esta moción e a pedir do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes


ACORDOS

PRIMEIRO
O Pleno do Concello insta ao Goberno municipal a proceder á limpeza do tramo de rúa que dá acceso á Estación de ferrocarril, repoñendo a iluminación da mesma, se for preciso dotándoa cunha partida nos Orzamentos de 2009 e esixindo de RENFE un reforzo da mesma nas plataformas de embarque.

SEGUNDO
O Concello, co fin de paliar a saturación de tráfico que sufrimos, apoiará ou, de ser posíbel, promoverá campañas de utilización do transporte por camiño de ferro, tratando de coñecer as demandas horarias dos usuarios para seguidamente trasladalas a RENFE, á Consellería competente na materia (COTOPT) e á Comisión Comarcal do Transporte Metropolitano.
30-10-2008 / 18:02
BNG Pontedeume

Chega a Pontedeume a Exposición Transformando Galiza!

Esta exposición itinerante por todo o país ten como obxectivo dar a coñecer ó público os principais proxectos e iniciativas levadas a cabo polo BNG dende o goberno da Xunta de Galiza.
Terémola o sábado 1 de novembro en Pontedeume na Praza Rosalía de Castro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
13-10-2008 / 20:04
BNG Pontedeume

Valoración da reunión sobre o PXOM

1. O Grupo municipal do BNG no Concello de Pontedeume, agradece ao Equipo Redactor do PXOM e mais ao equipo de goberno municipal a presentación que se lle fixo o xoves 2 de outubro aos Grupos da oposición. O BNG leva pedindo de xeito constante, ao longo dos últimos meses, que se dese información sobre o PXOM e que se axilice a súa tramitación ao máximo. Pese a todo, o goberno do PP e o responsabel da área de Urbanismo incumpriron por tres veces a previsión de datas para facer esta presentación, a primeira das cales ía ser para o mes de xuño.

2. O Grupo Municipal do BNG pedíu nesta reunión e pedirá (formalmente en sesión plenaria) que se facilite a información máis ampla posible a todos os veciños/as interesados a todos os niveis. Pedimos que, en canto entre por Rexistro, a fins deste mes de outubro, poidamos estudalo con detemento todos os Grupos da oposición, antes de levalo a Aprobación inicial.

3. Dada a importancia deste Documento, pedimos tamén que -unha vez que se eleve a Aprobación do Pleno, o máis axiña posible- no trámite de Exposición pública, segundo se comunicou previsibelmente entre decembro e xaneiro (2 meses), se lle dea ampla difusión, levándoo a todas as parroquias do Concello e a todos os ámbitos, onde haxa veciños interesados, tal e como se fixo no Avance do mesmo.


Recollemos a continuación a previsión de prazos que coidamos son de interese:
- A finais de outubro entrada no Concello por Rexistro.
- A seguir, todos os Grupo políticos terán quince días para analizalo.
- Logo elevarase a Pleno para a Aprobación Inicial por este órgano.
- De aprobarse, entrará na fase de EXPOSICIÓN PÚBLICA: sesenta días nos que se poderán presentar alegacións.
/ 20:02
BNG Pontedeume

Preguntas do Pleno de setembro

PRIMEIRA.
Ten decidido xa o goberno municipal encargar o proxecto de rehabilitación do Mercado Municipal á consultora MERCASA ou, de momento, aínda se está sopesando a decisión? Cales son os prós e os contras dun acordo como este?

SEGUNDA.
Dada a información aportada no seu día polo Goberno municipal a respecto das obras das rotondas, no sentido de que se realizaría unha delas ao longo do verán, e dada a situación do Parque sarmiento, cada día máis impresentable, o BNG interésase por saber se existe algunha novidade a respecto destas actuacións.

TERCEIRA.
Varias declaracións públicas do sr. Alcalde inciden na idea de que SE non se saca adiante o Centro de Día, a Galescola ou o Clube de Piragüísmo é porque os Grupos da oposición só poñen impedimentos e non queren traballar conxuntamente. Podería precisar máis en que consisten estes impedimentos?

CUARTA.
Observamos, ao igual que todos os veciños, que os pivotes hidráulicos, non moi agraciados por certo, do Centro Histórico funcionaron durante un tempo e, desde hai meses, deixaron de facelo. Cal é a razón de manter así esta situación?

QUINTA.
A respecto do Club de Piragüísmo e Vela, existíu algunha xestión máis, á parte das que coñecemos, para poder levalo a cabo ou seguimos resignados a continuar perdendo as axudas que aínda temos?

SEXTA.
Dado que as obras do CEIP Couceiro Freijomil entran na súa fase final, parécenos conveniente seguir interesándonos pola ampliación da rúa Galera, na medida do posible e como un claro beneficio para o Peirao en xeral e os propios beneficiarios do Colexio. Hai visos de conseguir algo ao respecto?

SÉTIMA
Á vista da evolución dos feitos da OEP –política de feitos consumados e de mando y ordeno-, sen brindar a posibilidade de negociación aos traballadores dos criterios xerais da mesma, sen participación nin información, cando menos, das liñas básicas da elaboración de Bases da OEP..., PREGUNTAMOS: CANDO e QUE pensan negociar cos sindicatos e traballadores?
/ 19:59
BNG Pontedeume

Rogos e queixas do Pleno de setembro

1. Á vista da situación que presenta desde hai máis dun ano o inmoble nº 15 da Rúa de Porto, cunha casa afundida, restos de entullo de todo tipo e madeiras, con posibles riscos para as colindantes.., non se pode realizar algún tipo de aviso ou requerimento ao propietario?

2.Queremos felicitar ao Goberno municipal porque, por fin (!), tras dous ou tres incumprimentos de datas, e tras moito insistir, por fin se vai presentar aos Grupos municipais o PXOM. Lamentarmos que se perdesen tres meses de verán para avanzarmos nalgúns aspectos nos que si poderemos traballar conjuntamente.

3. Pedimos que se se fan obras e se subministra mobiliario novo para dependencias municipais que se teñan en conta as cadeiras onde senta o respectable que ten a ben asistir aos Plenos, incrementando o nº de ser posible, pois están completamente apolilladas. Non fai falte máis que mirar o chan debaixo delas.

4. Solicitamos que se inclúa algunha partida no próximos Orzamentos para soterrar cableado e retirar postes no entorno de monumentos e espazos de lecer, nomeadamente dous: o Xardín de Lombardero ao lado do Torreón e a Alameda de Raxoi, para os que xa existían Propostas de estimación de custos no Concello. Lamentamos –de ser así- que un Concello cun Centro Histórico como este, non se teña acollido ás axudas da Deputación para soterrar cables e retirar postes no entorno de monumentos históricos .

5. Aplaudimos que se faga un esforzo por recoller follas no Paseo Marítimo, pero pedimos que non se desatendan cuestións importantes como son:
- Rego do céspede.
- Conservación e corta da herba á altura da piscina.
- Abandono de ponlas de árbores derrancadas.
- Illas de lousas afundidas e rotas.
- Acumulación de lixo.
- Bancos e papeleiras rotas.
- Afección do teixo e lixo na base do mesmo.
- Lixo por todas partes.

6. Lamentamos que non se puxera ansia pola organización dunha charla de Medio Rural, concretamente sobre o BANTEGAL, a comezos de setembro: aínda que se pedíu colaboración do Concello, os carteis foron distribuídos unicamente por afiliados do BNG, ese día na Casa da Cultura non apareceu ninguén a abrir nin houbo presenza municipal. Seguro que, tratándose de recibir subvencións, estárán vdes. Máis ávidos.

7. Suibvención que recibiron de Medio Rural para realizar varios saneamentos, o camiño dos Loureiros a os Castros, o camiño da Campanilla a Ogrobe…, obras que adjudica e executa a propia Consellería. Na medida do posible, estando nós de acordo con estas obras, pedimos que no caso do camiño da Campanilla a Ogrobe se anchea, pois non dispón nin dos mínimops regulamentarios.

8. Pedimos unha mínima preocupación por rematar as obras para o bombeo de auga ao depósito do Castelo, con repercusións positivas en toda a zona alta de Pontedeume, incluído o Polígono de Vidreiro.

9. Facemos o rogo de que desde a PL e a área de Tráfico se estude a posibilidade de pintar unha raia amarela fronte ao Centro de saúde co obxecto de evitar o estacionamento e que a saída do aparcamento do mesmo teña máior visibilidade e sexa menos perigosa.

10. Pedimos que se limpen as silvas e lixo que existe nas beiras do mirador de Centroña.

11. Chegándonos información –por vez 1ª en todo o noso cargo- por parte de veciños da Urbanización Salgado Torres relativa ao baixo do BLOQUE 2, PORTAL 18, cedido no seu día polo Concello a HIDROELÉCTRICA DO ZARZO para instalar uns transformadores, sen que nunca chegase a tomar posesión e executar tal instalación..., cedido posteriormente a un grupo de veciños para formar unha asociación..., actualmente “semiabandonado”..., pedimos do Goberno municipal que se interese pola recuperación do mesmo para o patrimonio municipal e, no seu caso e nas condicións debidas, para o beneficio dos veciños.

12. Ás nosas preguntas dos meses de xullo e agosto sobre o suposto Convenio para a elaboración das Bases da OPE o Goberno contestou con VAGUEDADES, quizais porque as nosas preguntas pecaban de xenéricas. Imos rogar, de novo, que se facilite información CLARA, CONCISA E CONCRETA a todas as preguntas relativas ás condicións do mencionado Convenio, a saber: se o custo ronda os 15.000 € como se di por aí, se existía partida habilitada e foi autorizado o gasto, se se pagou a factura ou facturas da elaboración do traballo, que facultade/escola universitaria, que Departamento e que profesor(es) foron responsables do traballo
07-10-2008 / 12:51
BNG Pontedeume

Anxo Quintana candidato do BNG á Xunta de Galiza!








Un proxecto transformador,
un presidente para a nosa Nación!